Friday 03 de May de 2024

O Orzamento Municipal de Riveira do 2016 rozará a cifra dos 21 millóns de euros e terá un forte carácter social


O Executivo Local de Riveira ten previsto iniciar esta semana as negociacións cos distintos grupos de cara a aprobación do Orzamento Municipal de 2016: un documento sobre o que xa existe un borrador de proxecto que eleva ata preto dos 21 millóns de euros a súa contía para este exercicio.

Concretamente, o importe do orzamento ascende a un total de 20,97 millóns de euros, o que representa un incremento do 3,5% sobre o ano pasado, no que foi de 20,26 millóns.

O borrador elaborado prevé ter un intenso carácter social, primando este tipo de gastos sobre outros desembolsos. Así, as partidas correspondentes a emerxencia social, atención a persoas dependentes e violencia de xénero asumirán un papel preponderante ao verse incrementadas en máis dun 15%.

Accesibilidade
No capítulo de infraestruturas hai que destacar a preeminencia de obras que favorezan a mobilidade de persoas con diversidade funcional, consonte co Plan Municipal de Accesibilidade Universal en cuxa elaboración está inmerso o Concello.

Actuacións para favorecer o turismo ou que incidan na conservación e mantemento das vías e instalacións públicas tamén están presentes no proxecto orzamentario.

Outro dato a apuntar é a redución da carga financeira da administración municipal.